jueves, 30 de abril de 2020

CON SABOR DOCE.


        Aínda que todos sabemos que as chuches non son NADA BOAS para a nosa saúde, hoxe imos facer unha pequena excepción porque imos precisar dalgunhas para levar a cabo as diferentres actividades propostas. Con elas  trataremos de mellorar a mobilidade dos beizos, da lingua e da mandíbula e adquirir tono en toda a súa musculatura.

  • Cun pau tipo MiKado:








  • Con nocilla:
      Untaremos os beizos do neno/a cunha pouca nocilla. Coa lingua terá que limparse totalmente.


  • Cun chupa:
   Colocaremos o chupa próximo á boca do neno/a ( por diante, por un lado, polo outro lado, cara arriba). Este deberá sacar a lingua e tratar de tocar o chupa coa punta. Trataremos de que lle coste e teña que estarricar bastante a lingua para chegarlle. 


  • Cun verme de gominola:
     O neno/a agarrará cos beizos un verme de gominola por un dos seus extremos. Nós agarrarémolo polo outro extremo e tiraremos por el. O neno/a deberá facer forza para non quedarse sen verme.





miércoles, 29 de abril de 2020

SEGUINDO O RITMO

            Escoitaremos unha canción ben coñecida por todos e seguiremos as indicacións que marca a letra da mesma. Pero por se hai algunha dúbida...
  1. Camiñar lentamente.
  2. Camiñar rápido pero sen chegar a correr.
  3. Camiñar na punta dos pés.
  4. Estilo marcha soldado.
  5. Camiñamos movendo a cadeira dun  lado para outro.
  6. Cos brazos extendidos, facemos oscilar o corpo dun lado a outro sen dobrar os brazos.
  7. Saltamos cos pés xuntos. 


martes, 28 de abril de 2020

XOGANDO COS PÉS

      Onte xogamos coas mans e hoxe toca facelo cos pés.
Primeiro: Facemos garabatos cos pés.


Segundo: Trasladamos pelotas dun recipiente a outro.


Terceiro: Camiñamos cunha corda anudada entre as dedas.



lunes, 27 de abril de 2020

XOGANDO COAS MANS

  Ola! Espero que esteades todos ben. Queredes xogar coas mans? Pois facede o que se indica no seguinte video.


         Agora propóñovos un xogo moi divertido e que será máis emocionante se o facedes por parellas, estilo competición.
        O papá ou a mamá terán que atar o extremo dunha cordiña a un obxecto fácil de manipular; pode ser unha caixa de zapatos, por exemplo. No outro extremo atarán un pauciño ( se non o tedes, podedes empregar unha culler de madeira, a maneta do mortero ou mesmo un lapis triplus). O neno/a estará situado nun recuncho da habitación co pauciño na man e a caixa de zapatos estará alonxada coa corda totalmente desenrolada. A actividade consistirá en que o neno/a deberá ir enrolando pouco a pouco a cordiña para que a caixa se achegue.

viernes, 24 de abril de 2020

A RULETA DA RELAXACIÓN.

      A tarefa de hoxe consistirá en fabricar unha ruleta como a que se amosa na imaxe. O neno/ a deberá facela xirar e imitar a postura de ioga que saia elixida. Se non queredes facer a ruleta, tamén podedes empregar un dado. Forraredes unha caixa con forma de cubo e en cada unha das caras pegaredes unha imaxe. O neno/a lanzará o dado ao aire e... A XOGAR!!!



jueves, 23 de abril de 2020

A LINGUA REBULIDEIRA

  Ola! Hoxe propóñovos unha canción para bailar coa lingua. Facer bailar a lingua deste xeito fará que en pouco tempo faledes moitísimo mellor. Ánimo!

   Agora anímovos a xogar en familia. Para iso ides necesitar un ariño de plástico e unha palliña por persona. Distribuidos en roda e sostendo a palliña coa boca, teredes que pasar o aro de palla en palla sen que este caia. A quen lle caia, perderá o xogo. 

martes, 21 de abril de 2020

REUTILIZANDO

     Nas nosas casas hai un sen fin de obxectos que podemos reutilizar empregando un pouquiño a nosa  imaxinación. Reutilizar permitiranos darlle un uso alternativo a materiais que nun principio tiñamos pensado tirar ao lixo pero ademais, activará a nosa creatividade e neste caso, aportaranos un momento de diversión.
     Aquí vos deixo unha serie de ideas para crear diferentes xoguetes reutilizando. Por suposto, xoguetes cos que estimular a motricidade dos máis pequenos.





lunes, 20 de abril de 2020

CON TESOIRAS

   Hoxe imos traballar un pouquiño coas tesoiras. Para iso imos empezar cunha tarefa preparatoria que servirá de quentamento e ao mesmo tempo, axudará aos nenos/as a entender un pouquiño cal é a forma correcta de coller as tesoiras.

Tarefa preparatoria: propóñovos un xogo para o que necesitaremos unha botella baleira de lavalouza e varios cilindros do papel hixiénico. O primeiro que faremos é numerar cada un dos cilindros e cortar neles unha porta. Co anaco de cartón que retiramos das portas faremos fichas circulares e escribiremos un número tamén en cada unha delas ( no lugar de números podemos tamén empregar cores ou letras). Colocaremos os cilindros como se ve na imaxe. O neno/a , presionando a botella cos dedos e facendo sair o aire dela, deberá meter as fichas na porta correspondente. É moi importante que o voso fillo/a colla a botella como se indica na imaxe.

Traballo con tesoirasDo mesmo xeito que ensinamos a coller o lapis de maneira adecuada, tamén hai que aprender a coller as tesoiras correctamente. Para iso, os cativos deben rotar a man co polgar cara arriba e o pequeniño cara abaixo.


  • O polgar debe estar dentro dun dos  buratos da tesoira.
  • O dedo índice sempre fóra.
  • Os dedos maior e anular dentro do outro burato.
Empregando tesoiras de punta roma, os nenos/as realizarán diferentes recortes. Se o neno/a é zurdo, é importante darlle unha tesoira para zurdos.
Aquí vos deixo unha idea divertida.




jueves, 16 de abril de 2020

XOGANDO COS ANIMAIS

  Ola! Hoxe imos seguir as instrucións destes simpáticos animais.








  Para continuar propóñomos o xogo doutro animal: a tea de araña.
   O papá ou a mamá diseñarán no corredor da casa unha tea de araña xigante coa axuda de cinta carrocera ou similar. Os nenos/as deberán atravesar a tea con moito tino para non rompela. ( se preferimos, podemos empregar sillas e unha corda).





martes, 14 de abril de 2020

CALIMERO


     Ola chicos e chicas!
  Si, son eu, Calimero. Espero que esteades todos ben. Eu estou aquí no cole, botándovos MOITÍSIMOOOO  de menos. O cole sen vós non é o mesmo. Está baleiro das vosas risas contaxiosas, dos vosos berros de ledicia, das vosas miradas sinceras e tamén algo pícaras, das vosas mans amigas, das vosas ocurrencias e das vosas ansias  de aprender. Pero aínda baleiro, está cheo de ESPERANZA e de ILUSIÓN. Cheo de esperanza de que este becho malvado que agora nos obriga a estar separados e encerrados nas nosas casas desapareza moi pronto e axiña poidamos volver a estar xuntos de novo.  E cheo de ilusión por compartir convosco novos retos, novos xogos e sobre todo momentos de amizade... 
  Sabedes ben que me gusta moito durmir pero o  día no que volvamos ao cole estarei esperto, esperándovos cos brazos abertos para enchervos de BICOSMándovos agora un ENORMEEE. Pilládeo no aire e estoupádeo na cara porque nel vai todo o meu cariño e o meu amor.😗

REPOSTERÍA.


  Ola! Espero que esteades todos ben. Como a repostería está collendo un boom estes día, quero aprobeitar para deixarvos unha receta coa que os nenos/as, ademais de pasar un momento moi divertido, estarán traballando a motricidade fina. Espero que vos guste.


viernes, 3 de abril de 2020

FÓRA TENSIÓNS

  Hoxe toca liberar tensións e para iso propóñovos dous xogos.

  • Manter a mirada: pai/nai e fillo/a deberán mirarse fixamente sen pestanexar. O primeiro que o faga perderá.
  • Aguantar a risa: o papá ou a mamá terán que facer monerías e o neno/a deberá aguantar sen rir. Se o fai, perderá e pasará a ser el o que ten que facer rir.


    A música é un elemento  moi importante para o ser humano. Acompáñanos ao longo da nosa vida e axúdanos a mellorar o noso estado de ánimo e a aliviar tensións. Por iso convídovos a que escoitedes cos vosos fillos esta canción, tantas veces escoitada na clase, e que, por un intre, esquezades os vosos problemas, as vosas ocupacións e vos deixedes levar pola música. Todos somos Tadeo Jones nesta aventura que é a VIDA e está claro, como di a canción, que TODO É POSIBLE SE ESTAMOS XUNTOS. ÁNIMO!!





jueves, 2 de abril de 2020

MOTILIDADE OCULAR

   A sesión de hoxe está adicada a un aspecto da psicomotricidade moitas veces esquecido pero que é imprescindible para poder levar a cabo con éxito accións da vida diaria, como subir ou baixar escaleiras e tamén actividades do ámbito académico como debuxar, ler ou escribir. Este aspecto é a MOTILIDADE OCULAR, que fai referencia ao movemento coordinado dos ollos e que lle permite ao cerebro interpretar correctamente as imaxes que recibe tridimensinalmente. Para realizar correctamente estes movementos é preciso que os músculos dos ollos teñan un funcionamento óptimo.
  Se queredes saber máis: http://www.acotv.org/es/area-visual/17-problemas-visuales/27-disfunciones-de-la-motilidad-ocular.html
   De seguido propóñense tres actividades que traballan a motilidade ocular.

MIRANDO AO LONXE: O proxenitor situarase a metro e medio do seu fillo e terá seis tarxetas na man, cada unha cun número  ( os números deben ser coñecidos polo neno/a polo que podemos repetir varias veces o mesmo número no caso de nenos de tres anos). Pedirémoslle ao neno que peche os ollos con forza e ao noso sinal abrirá os ollos e,  mirando para a tarxeta, deberá dicir que número ve. Repetiremos  con cada unha das tarxetas.
  No mundo no que vivimos, cheo de pantallas, a penas adicamos tempo a mirar ao lonxe e esto é importantísimo. Estes días de confinamento, facede que os vosos fillos miren pola fiestra, que contemplen o que hai, o que pasa ao seu arredor.

PAREDE DE CORES: Pegaremos na parede dunha habitación varios círculos de cores a diferentes alturas. A habitación non estará a escuras pero si a media luz. O neno situarase diante da parede, a un metro de distancia e mirando ao fronte. O proxenitor, coa axuda dunha lanterna, alumeará un círculo determinado. O neno, sen mover a cabeza, só os ollos ( cara arriba,  cara abaixo, cara un lado), deberá dicir de que cor se trata. Repetiremos con cada cor.




ACTIVIDADE 3: Presentarémoslle ao neno unha lámina como a seguinte e pedirémoslle que mova as dúas fichas ( poden ser as tapas de dúas botellas) á vez sobre as liñas marcadas.