Coa axuda dunha folla de xornal, hoxe imos facer voar a nosa imaxinación e de paso mellorar a nosa motricidade tanto fina como grosa.
Os papás deberán ir contando os diferentes fragmentos dos contos que aparecen de seguido e ao mesmo tempo acompañalos cos diferentes movementos que se explican. Os nenos/s imitarán aos seus papás.
...Mentres Abú e Aladín exploraban a cova, unha alfombra de bordes dourados cobrou vida e achegouse a eles flotando no aire. Era unha alfombra máxica coa que podían voar...
Somos Aladín e a folla de xornal acaba de transformarse nunha impresionante alfombra máxica. Cos nosos dedos índice, medio e polgar colleremos a folla polos dous extremos máis próximos e faremos movementos subindo e baixando a folla.
Agora poñéndoa no chan, en posición lonxitudinal, deberemos saltar cos pés xuntos dun extremo ao outro da alfombra sen chegar a pisala.
Ufff! A nosa alfombra máxica está moi sucia de tanto saltar por enriba dela. Volveremos a collela e agora sacudirémola pero con moito coidado para non rompela.
...O mundo está en perigo. Necesita dun superheroe que o poida salvar. Superman!!!...
Somos superman. Colocamos a folla no pescozo agarrándoa coas mans a modo de capa e corremos por toda a casa.
...A fada sacou a súa variña e con ela tocou a Cincenta. De súpeto, un impresionante vestido apareceu no corpo da moza e tamén uns preciosos zapatiños. Agora xa podía ir ao baile...
Somos Cincenta. Poñemos a folla na zona dorsal da cintura coma se fose a cola dun vestido de gala e camiñamos na punta dos pés facendo movementos coa cadeira.
...Peter Pan, tan pronto chegou, aproximouse ao barco do capitán Garfio. Este era un pirata malísimo e gran inimigo do rápaz...
Colocamos a folla pechada enriba da cabeza semellando levar un gorro pirata. Movémonos polo espazo sen que nos caia o gorro.
Todo bo pirata ten unha espada. Transformamos a folla nunha espada facendo un churro, (enroscándoa). Loitamos contra o capitán Garfio facendo movementos coa nosa espada.
...No vello Oeste o Coronel trata de atrapar ao indomable Spirit...
Somos o Coronel e queremos atrapar a Spirit co noso lazo. Facemos movementos circulares co churro por enriba da cabeza, primeiro cara un lado e logo cara o outro.
...pero o intrépido cabalo derriba ao Coronel e escapa do forte ao galope...
Colocamos o churro no cu por dentro do pantalón e deixándoo sobresaír un pouco coma se fose a cola dun cabalo. Todos ao galope!! Trotamos polo espazo.
...No medio do deserto aparece unha serpe...
Agora o churro é unha serpe, polo que facemos movementos serpenteantes con el sobre o chan.
Agora convertimos o churro nunha bola ( o ovo Humpty Dumpty) e xogamos a lanzala ao aire e a deixala caer mentres dure a canción. Despois, abriremos a bola, alisaremos a folla todo o que poidamos coas nosas mans e colocándonos enriba dela romperémola en anaquiños moi pequenos só coa axuda dos pés.
Ohhh, a alfombra máxica de Aladín coa que viaxamos polos diferentes contos está feita añicos. Pero non vos preocupedes! Metédea dentro dunha bolsa e como é máxica, xa veredes como mañá, no lugar dos anaquiños aparece unha alfombra nova coa que volver voar e IMAXINAR.